Saturday 20 de April de 2024

A Deputación da Coruña revalorizará a senda peonil ao faro de Fisterra


Investirá 150.000 euros para gañar en seguridade viaria neste traxecto utilizado tanto por peregrinos coma veciños

A Deputación da Coruña aprobou no pleno do pasado venres un convenio de colaboración co Concello de Fisterra polo que a institución provincial asumirá a reparación da senda peonil que leva ao faro.

O proxecto nace dunha petición do alcalde da localidade, José Manuel Traba Fernández, que trasladou á institución provincial o mal estado actual da senda que vai dende a igrexa de Santa María das Areas ata o faro de Fisterra e que transcorre na súa maior parte do percorrido en paralelo á estrada, o que tamén supón certo perigo pola escasa sección da senda actual e o seu mal estado.

Trátase dun viario usado tanto por peregrinos coma polos veciños do concello, por iso a Deputación decidiu asumir en solitario esta reforma, cun orzamento de 150.000 euros e que consistirá en acondicionar o actual traxecto.

Os traballos consisten en mellorar a senda dende o borde da calzada existente e realizar todos os recheos necesarios ao longo do traxecto. Co paso do tempo espérase consolidar unha nova vexetación e que a senda quede rehabilitada.